O proxecto


Que pretende este proxecto?
O Plan Ben Empregado trata de mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción no mercado laboral dos traballadores desempregados da provincia de Lugo, así como o fomento de contratos que melloren a situación económica dos nosos municipios; facendo así un importante esforzo có obxectivo de frear os datos de paro (no mes de novembro a provincia sumou un total de 22.391 desempregados) e a tendencia da contratación en precario, tanto no tecido empresarial como nas entidades sen ánimo de lucro da provincia.

Este organismo, pretende lograr estes fins subvencionando a contratación durante un ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos que necesiten persoal. Cabe destacar que esta política pública sobre o emprego é pioneira nunha administración galega, xa que por primeira vez un organismo público da nosa comunidade crea un plan de emprego que escoita ó tecido empresarial e asociativo, axustando deste xeito a oferta á demanda.

Como se estrutura este plan?

Ambos plans Ben Empregado constan de dúas fases. Unha primeira fase onde o obxectivo é o de seleccionar ás entidades máis capacitadas para acadar o fin de incorporar novos traballadores que antes estiveran desempregados ó seu cadro de persoal, creando así un incentivo económico que conduza a unha mellora das perspectivas de empregabilidade dos cidadáns da provincia. A selección das devanditas empresas levarase a cabo de forma minuciosa, sendo así beneficiarias do plan aquelas que propoñan un ambiente adecuado para o traballador, que apliquen criterios sociais nos seus contratos, respecten todas as condicións e convenios dos sectores, e deseñen un itinerario onde mostren o seu compromiso para que a relación entre traballador e entidade teña a posibilidade de finalizar cunha ampliación do contrato de traballo.

E unha segunda fase que ten como fin a selección de traballadores desempregados da provincia que mellor se adapten ó perfil que demanden as diferentes entidades, calquera que sexa a súa idade, para que se incorporen á disciplina das entidades seleccionadas.